Monday 29 de April de 2024

O Concello de Lousame conmemorará o Día da Muller cunha andaina polo río Vilacova para poñer en valor o traballo da muller nas papeleiras


Terá lugar o sábado 9 de marzo, sobre unha distancia de 8 km de dificultade baixa. Inscricións de balde en Bandoticket ata o xoves 7

O Concello de Lousame conmemorará o Día Internacional da Muller cunha andaina polo río Vilacova, na que aproveitarán para poñer en valor o papel das mulleres que traballaron nas antigas papeleiras do municipio. A andaina terá lugar na mañá do sábado 9 de marzo sobre unha distancia de 8 quilómetros de dificultade baixa. A participación é de balde, se ben por razóns de loxística é preciso anotarse antes do xoves 7 de marzo en www.bandoticket.com.

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explica que “con esta iniciativa queremos revivir a historia das mulleres que traballaron nas papeleiras de Lousame. Dende o Concello de Lousame levamos xa varios anos reivindicando o papel da muller nos distintos oficios: leiteiras, profesoras, hostalería, agricultoras, traballadoras da mina… e este ano tócalle ás mulleres das papeleiras”. A concelleira explicou que “contaremos coa guía da nosa técnico Maite Sobradelo, quen se encargará de explicar o papel da muller dentro das papeleiras de Lousame”.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo, sinala que “o punto de encontro será a praza do Concello o sábado 10 de marzo, ás 9:30 horas. Aí poderemos deixar os coches e subir a un autobús que nos levará ata a Ponte Vella de Vilacoba, que é onde comezaremos a nosa camiñata”. Unha andaina de 8 quilómetros e de dificultade baixa, “polo que pode ser realizada por calquera persoa, independentemente da súa idade e condición física”. A expedición sairá da Ponte Vella de Vilacova cara Lesende, agardándose que sobre as 11:00 horas cheguen a Soutorredondo, onde terá lugar a lectura dun manifesto e a explicación de Mayte Sobradelo, licenciada en Historia e encargada das visitas turísticas no municipio, sobre o papel das mulleres traballadoras nas papeleiras de Lousame. Unhas papeleiras que irán visitando durante o camiño de volta a Portobravo.

Esta iniciativa está organizada polo Concello de Lousame e está finanzada con cargo a créditos recibidos do Ministerio de Igualdade de acordo ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero.